Apple pon atrancos á substitución non oficial da batería dos novos iPhone

xoves, 8 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Dende iFixit están a dar conta dunha nova política de Apple na que a compañía de Cupertino considérase a única autorizada para instalar baterías nos seus novo iPhone, ou sexa, que se un usuario substitúe a batería do seu iPhone pola súa conta recibirá unha mensaxe indicando que debe recorrer ao servizo técnico para mudar de batería (pese a ter unha batería completamente nova). Dende iFixit comprobaron este problema e comprobaron que incluso pasa con baterías orixinais de Apple.
Estamos ante un cambio no comportamento do xeito no que os iPhone xestionan a súa batería, e non dun fallo de software, ou sexa, que é preciso que un Apple Genius ou un provedor autorizado de Apple autentifique unha batería (ligándoa á placa base do teléfono) para poder acceder á información sobre a súa saúde. Esta nova política de Apple afectaría polo momento só aos iPhone Xr, Xs e Xs Max, ou sexa, aos smartphones lanzados no último ano.
Cómpre advertir que as baterías substituídas funcionarán correctamente, pero Apple decidiu tratar de xeito hostil aos usuarios que muden a batería pola súa conta ou recorrendo a un servizo técnico non oficial, xa que impídelles coñecer o estado de saúde da súa nova batería, chocando frontalmente coa reivindicación popular do dereito de reparación sen ter que recorrer ao fabricante.

PUBLICIDADE