Apple estrea as reparacións de autoservizo en España

mércores, 7 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Apple anunciou as reparacións de autoservizo, que permitiría que os clientes que se consideren capaces poidan facer as súas propias reparacións, tendo acceso a pezas e ferramentas oficiais para poder reparar os últimos iPhone e os ordenadores con Apple Silicon, e finalmente esta iniciativa ábrese a Reino Unido, Suecia, Bélxica, Francia, Alemaña, Italia, Polonia e España.
Deste xeito temos xa dispoñible a tenda para reparacións de autoservizo de produtos de Apple en España, onde podemos adquirir pezas orixinais, alugar ou mercar ferramentas para a reparación e incluso poder consultar os manuais de reparacións oficiais. Os produtos para os que están dispoñibles as pezas orixinais serían o iPhone SE de terceira xeración e os iPhone ordinarios a partir da versión 12, o MacBook Air de 2020 (con procesador M1), o MacBook Pro de 2020 con pantalla de 13 polgadas e procesador M1, e os MacBook Pro de 14 e 16 polgadas do ano 2021.
Esta iniciativa de Apple estaría enmarcada na liña do dereito a reparar á que a compañía de Cupertino está a adherirse, de xeito que cada vez os produtos de Apple son máis susceptibles dunha reparación doada (cando até o momento destacaban polo contrario). Agora, un usuario calquera pode adquirir as pezas que ten estragadas do seu dispositivo e incluso alugar un lote de ferramentas que fan doada a substitución das pezas, aínda que cómpre advertir de que facer tal é normalmente máis caro que acudir a un servizo técnico oficial, pero coa comodidade de que o usuario poida elixir o momento de realizar a reparación e a confianza que supón que o dispositivo non pase por mans alleas (o que en moitas ocasións evita a molestia de ter que facer un borrado dos datos antes de mandar os equipos ao servizo técnico).
Paralelamente ao sistema de reparacións de autoservizo Apple tamén incrementou considerablemente o número de servizos técnicos autorizados, ou sexa, establecementos nos que realizan as reparacións con pezas orixinais e baixo as condicións impostas por Apple. A compañía asegura que actualmente 8 de cada 10 clientes de Apple en Europa teñen un servizo técnico autorizado a menos de 30 minutos.

PUBLICIDADE