Apple emprende accións legais por mor das filtracións de iOS 26

venres, 18 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Apple presentou nas últimas horas unha demanda federal contra Michael Ramacciotti e Jon Prosser, a quen acusa de acceder sen autorización a un iPhone de desenvolvemento pertencente á empresa, co obxectivo de obter e difundir información confidencial sobre iOS 19, agora coñecido como iOS 26. A denuncia, presentada no Tribunal do Distrito Norte de California, inclúe cargos por apropiación indebida de segredos comerciais e violación da Lei de Fraude e Abuso Informático (CFAA).
Segundo relata Apple na súa querela, os feitos comezaron cando Ramacciotti, amigo dun empregado de Apple chamado Ethan Lipnik, aproveitou unha visita ao seu domicilio para obter o código de acceso dun iPhone usado no desenvolvemento interno de novos produtos. O dispositivo contiña versións inéditas do sistema operativo iOS. A través dunha videollamada con Prosser, coñecido pola súa actividade no canal de YouTube Front Page Tech, Ramacciotti mostrou a interface e funcionalidades do sistema en desenvolvemento, que foron gravadas e máis tarde difundidas publicamente.
Apple afirma que ambos sabían que a súa actuación era ilegal e que o propio Ramacciotti recoñeceu o risco que supuña para a carreira profesional do empregado afectado, que finalmente foi despedido pola compañía por non cumprir as súas obrigas de confidencialidade. A tecnolóxica asegura que Prosser se beneficiou economicamente da publicación dos contidos a través da súa canle, onde se incluíron vídeos que recreaban ou amosaban funcionalidades confidenciais do novo sistema.

No Genius Bar podcast Prosser tamén amosara detalles sobre iOS 26

Na súa demanda, Apple solicita ao tribunal unha orde para evitar que os acusados sigan utilizando ou difundindo a información obtida ilegalmente, así como unha indemnización por danos e prexuízos, incluíndo danos punitivos. A empresa subliña que o acceso ao dispositivo foi premeditado e que o roubo de segredos comerciais supón un grave prexuízo competitivo.
Apple defende que inviste miles de millóns de dólares cada ano en investigación e desenvolvemento e que a protección da información dos seus produtos antes do lanzamento é clave para manter a súa vantaxe no mercado. Tamén asegura que o incidente obrigouna a investir recursos adicionais en investigacións internas e medidas de contención. A compañía reclama un xuízo con xurado e asegura que continuará actuando para protexer os seus produtos e tecnoloxías fronte a accesos non autorizados.
Pola súa banda, Jon Prosser asegura non ter coñecemento sobre como se tiña accedido ao iPhone orixe da filtración, negando ter realizado un plan para acceder ao teléfono doutra persoa e ter probas que demostran a súa falta de implicación.

Vídeo no que Prosser adiantaba moitos dos detalles de iOS 26