Apple cancela a base de carga AirPower

venres, 29 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A renovación dos auriculares AirPods de Apple supuxo a estrea dun estoxo con carga por indución que daba a entender que a base de carta AirPower, presentada en setembro de 2017, estaba a piques de saír á venda, pero dende TechCrunch sorprenden ao dar conta dun comunicado de Dan Riccio, un dos máximos responsables do deseño de hardware da compañía da mazá, no que asegura que «tras moitos esforzos, concluímos que o AirPower non acadará os nosos elevados estándares e cancelamos o proxecto. Desculpámonos aos consumidores que estaban a agardar ao seu lanzamento. Continuamos a crear que o futuro é sen fíos e estamos comprometidos a promover a experiencia sen fíos».
Apple xa tivera problemas co lanzamento dos AirPods, produto que tardou en normalizar a súa produción, pero unha vez conseguido converteuse en todo un éxito de vendas, o que parecía poder repetirse co AirPower, pero segundo parece a base de carga tiña serios problemas de quecemento complicados de solucionar por estar as bobinas de carga moi próximas entre si, o que foi unha fonte de problemas que non puideron resolver satisfactoriamente.
Semella que a presentación do AirPower foi demasiado precipitada, porque o produto aínda estaba no forno, e a súa proposta era demasiado ambiciosa, preferindo Apple non comercializar o produto antes que ter problemas coa carga de baterías (que poden afectar seriamente á súa reputación como comprobaron dende Samsung co seu Galaxy Note7).
En calquera caso no mercado hai numerosas bases de cargas que poden cubrir a demanda do AirPower e, aínda que non conten coas súas funcións avanzadas, si poden cargar sen fíos varios dispositivos á vez de xeito rápido e seguro.

PUBLICIDADE