Apple actualiza os iMac cos novos procesadores de Intel

martes, 24 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Os ordenadores de sobremesa de Apple, os iMac, recibiron hoxe unha actualización importante, de xeito que a partir de agora venderanse con procesador Intel de catro núcleos de cuarta xeración (Haswell), novas gráficas, Wi-Fi de nova xeración e opcións de almacenamento flash de maior velocidade (ata un 50% máis rápidas que as da anterior xeración), mantendo a súa aparencia externa tan delgada e elegante.
O iMac de entrada sería o modelo con pantalla IPS de 21,5 polgadas (Full HD), procesador Intel Core i5 de catro núcleos a 2,7 GHz, gráfica Iris Pro, 8 Gb de RAM (acepta ata 16 Gb), 1 Tb de disco duro (con opción para Fusion Drive ou SSD de 256/512 Gb), Wi-Fi AC e Bluetooth 4.0 por un prezo de 1.329 euros.
Na configuración básica máis elevada teríamos unha pantalla IPS de 27 polgadas (cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles), procesador Intel Core i5 de catro núcleos a 3,4 GHz (con opción para Intel Core i7 de catro núcleos a 3,5 GHz), 8 Gb de RAM (con opcións de 16/32 Gb), 1 Tb de disco duro (con opcións de ata Fusion Drive de 3 Tb ou SSD de 256 Gb/512 Gb/1 Tb), gráfica nVIDIA GeForce GTX 775M con 2 Gb de memoria (con opción de nVIDIA GeForce GTX 780M con 4 Gb de memoria) por un prezo de 2.029 euros (a súa configuración máxima elevaría o prezo ata os 3.979,01 euros).

PUBLICIDADE