Apostasia.es: recursos en liña para os internautas que non queiran figurar oficialmente como crentes
venres, 20 de xullo do 2007
Unha das cousas grandes de Internet (das que realmente pouco se fala nos partes informativos de Antena 3, onde seguen coa teima de poñernos a Rede como un caldo de cultivo de pederastas e neonazis) é que se está a converter nunha plataforma onde todo, absolutamente todo, é obxecto de discusión. Se cadra, un lugar (virtual), onde non hai crenza ou idea ou afirmación que non poida ser posto en dúbida non pode ser –de xeito categórico- un mal lugar onde facer “vida”, aínda que esta sexa virtual. Desa liberdade de opción dunha comunidade internauta que non ten (ou non debería ter) cor nin raza nin relixión definida é de onde xorden iniciativas como www.apostasia.es, unha web onde se nos achegan todo tipo de respostas ás dúbidas que podamos ter os usuarios da Rede sobre que vieiros seguir para deixar de figurar oficialmente nos papeis e rexistros da igrexa como crentes.
A web (descubrímola vía Choiva Ázeda) serve polo tanto como punto de encontro de persoas que foron bautizadas pero que non se consideran católicas (bautizadas sen o seu consentimento nin a súa aprobación).
Ademais, achega todo tipo de recursos ó respecto (recursos, pasos a seguir, casos concretos, alegacións), poñendo asemade un pouquiño de orde nun panorama de servizos sobre apostasía que, segundo os responsables da web, anda un pouco revolto. É dicir: hai moita páxina onde se dan pasos a seguir erróneos que, en troques de axudar, enlean máis o trámite. Detrás desta iniciativa está un grupo de persoas que iniciaron hai tempo este proceso perante o Arzobispado de Valencia.