Aparece un método para facer jailbreak a dispositivos con iOS 7

luns, 23 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Nas últimas horas recibiuse unha grata sorpresa para os usuarios de dispositivos con iOS 7 que gustan de ter unha maior liberdade nos seus trebellos, pois Evasi0n7 fai posible a liberación (jailbreak) dos iPhone, iPod Touch e iPad que funcionen co versións do sistema operativo móbil de Apple entre 7.0 e 7.0.4 (e incluso coa segunda versión de proba de iOS 7.1).
Para poder empregar a nova solución de liberación é preciso contar cun ordenador que teña como mínimo Windows XP ou OS X 10.6, iTunes (en Windows) e un cable USB para conectalo ao ordenador, podendo realizarse o jailbreak en tan só 5 minutos, recomendándose facer antes unha copia de seguridade do dispositivio.
Cómpre destacar que as aplicacións que tiran proveito da liberación de iOS poden non funcionar axeitadamente baixo iOS 7 ou nos últimos procesadores de 64 bits, pois terse desenvolvido antes de que estes estivesen dispoñibles con jailbreak, polo que xa hai moitos usuarios traballando en listaxes de compatibilidade (sendo de agardar que nas vindeiras semanas as aplicacións incompatibles se actualicen).

Evasi0n7 facilita a instalación da tenda alternativa de aplicacións Cydia

PUBLICIDADE