Apalabrados chega á súa versión 2.0 con interesantes novidades

venres, 26 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O popular xogo multiplataforma de Etermax, Apalabrados, estrea a súa versión 2.0 para iOS e para Android, que incorpora unha importante novidade: os Extras. Este novo apartado da aplicación inclúe funcionalidades que melloran a experiencia de xogo aos seus usuarios como un dicionario (para poder consultar o significado das palabras xogadas), a validación automática (para saber ao momento se as palabras formadas son válidas e os puntos que darían sen ter que premer a ningún botón antes) e unha bolsa de letras (que permitirá saber as letras que quedan por repartir, para o que terán que pagar mediante moedas virtuais que poden gañarse no xogo ou mercarse a través dunha tenda en liña integrada no xogo).
Etermax tamén está a desenvolver un novo panel de amigos dende o que facilitar o acceso aos seus chats, contará cun sistema de suxestión de novos contactos ou opoñentes con semellantes puntuacións e número de partidas e incluso esperan estrear antes de rematar o ano unha versión do xogo para televisores Smart TV de Samsung.
O popular xogo de palabras cruzadas que tamén pode xogarse en galego grazas á colaboración de Cilenis, tamén actualizou a súa versión para Windows Phone, que levaba meses abandonada e con serias eivas que parece que van camiño de corrixirse, o que parece ser consecuencia en boa medida a que esta versión do xogo non está a ser desenvolvida internamente por Etermax, senón por la empresa española WOP Digital, S.L.

Entre as novidades de Apalabrados 2.0 destaca a posibilidade de consultar o dicionario dende a aplicación

PUBLICIDADE