Anuncian unha consola con 16 videoxogos clásicos de Capcom precargados

martes, 16 de abril do 2019 Marcus Fernández

Koch Media anunciou hoxe unha curiosa máquina recreativa de sobremesa, a Capcom Home Arcade, que coa forma do icónico logotipo de Capcom ofrece unha experiencia de xogo propia dos salóns recreativos para un ou dous xogadores, para o que só haberá que conectar por HDMI a máquina a unha pantalla.
Esta especie de consola integra un par de mandos de xogo de competición con compoñentes da marca Sanwa e inclúe 16 xogos preinstalados que corren grazas á emulación de FB Alpha, conseguindo recrear fielmente clásicos xogos de recreativa de Capcom. Como valor engadido, a Capcom Home Arcade conta con conectividade Wi-Fi, para así poder gozar de taboleiros de xogador en liña.
Os xogos que incluirá esta máquina serán 1944: The Loop Master, Alien vs Predator, Armored Warriors, Capcom Sports Club, Captain Commando, Cyberbots: Fullmetal Madness, Darkstalkers: The Night Warriors, Eco Fighters, Final Fight, Ghouls ‘n Ghosts, Giga Wing, Street Fighter II Turbo: Hyper Fighting, Mega Man: The Power Battle, Progear, Strider e Super Puzzle Fighter II Turbo, o que podemos considerar unha boa selección, aínda que o prezo que vai ter este produto non semella moi razoable, xa que custará 229,99 euros cando saia á venda o 25 de outubro.
Actualmente existen moitos produtos semellantes a un prezo moi inferior, e consolas retro como a NEOGEO mini, que non está a ter boa vendas, saíu á venda por 129,99 euros incluíndo 40 xogos precargados (e actualmente é posible conseguila por menos de 80 euros).

Anuncio en vídeo da Capcom Home Arcade

PUBLICIDADE