Anuncian un novo xogo de Darksiders

venres, 7 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A franquía de xogos Darksiders, considerada por moitos como «un Zelda para adultos» tivo serios problemas para desenvolverse por mor da mala fortuna da compañía que estaba detrás, pero a forza dos deseños de Joe Madureira e o bo recordo que deixou permitiu que THQ Nordic puidese recuperala e agora lévana un paso máis adiante ao anunciar que están a traballar con Airship Syndicate nunha aventura de acción baseada baixo o título de Darksiders Genesis. Este novo xogo chegará a finais de ano con versións para PC, PS4, Xbox One, Nintendo Switch e Google Stadia, confirmándose que a semana que vén contará cunha versión de demostración na feira E3.
Darksiders Genesis supón un importante cambio fronte aos anteriores xogos, por contar cunha xogabilidade totalmente distinta e tamén por presentar ao cuarto xinete, Strife, quen terá que salvar á humanidade da destrución a mans de Lucifer. Pese aos profundos cambios, este novo xogo tamén ofrecerá combates intensos, exploración, resolución de quebracabezas, batallas contra xefes finais épicos e moitos outros detalles que supoñen o seu sinal de identidade, polo que satisfará a moitos seareiros da saga pese a mudar unha perspectiva en terceira persoa a unha perspectiva na liña dos xogos de Diablo.

Tráiler de presentación de Darksiders Genesis

PUBLICIDADE