Anuncian os Xogos con Gold de agosto

martes, 28 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas Microsoft retirou da venda as subscricións anuais a Xbox LIVE Gold, mantendo só as mensuais e as trimestrais, o que dá a entender que prefiren apostar polo Game Pass Ultimate (servizo de subscrición que incorpora o Xbox LIVE Gold) e, para evitar a confusión de nomes e marcas, estarían a reducir a visibilidade da subscrición para xogar en liña, e como mostra diso temos que a listaxe de Xogos con Gold do mes de agosto será unha das menos salientables dos últimos anos.
Os Xogos con Gold de Xbox One de agosto serán o xogo de rol de acción en 3D e mundo abeto Portal Knights e o xogo de batallas de mechas Override: Mech City Brawl, xogos moi pouco relevantes e que para o grande público son completos descoñecidos. E os xogos que chegan a través da retrocompatibilidade tampouco son especialmente salientables, xa que non se trata de títulos de Xbox 360, senón da primeira Xbox, que aínda que recibiron melloras para as novas consolas, son xogos con moitos anos ás costas: o título de motos MX Unleashed e o xa clásico Red Faction II (ao que os anos non trataron especialmente ben).
De continuar nesta liña podemos entender que, agás algunha excepción con intencións promocionais (por mor do lanzamento dunha secuela ou algo semellante), os Xogos con Gold que chegarán a partir de agora serán moi discretos, xa que Microsoft estaría a centrarse na incorporación de grandes xogos ao catálogo de Xbox Game Pass.

PUBLICIDADE