Anuncian oficialmente os Moto C e Moto C Plus

luns, 15 de maio do 2017 Marcus Fernández

Confirmando as filtracións do mes pasado, Motorola anuncia os seus novos smartphones de entrada, que en vez de chegar coa renovación dos Moto E supón a estrea dos novos Moto C e Moto C Plus, que comezarán a venderse esta mesma primavera a prezos de entre 89 e 119 euros segundo a configuración de cada terminal.
O móbil de saída sería o Moto C, dispoñible con carcasas en catro cores metalizadas distintas (negro, branco, ouro e vermello), pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, procesador de catro núcleos, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD de até 32 GB e batería de 2.350 mAh, que no seu modelo máis económico tería conectividade 3G, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento cun prezo de 89 euros, mentres que a versión con 4G custaría 99 euros.
Máis atractivo é o Moto C Plus, con pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador de catro núcleos, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 32 GB), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, dobre SIM e batería de 4.000 mAh, que tería un prezo de 119 euros.
Se temos en conta que o verán pasado o Moto E chegou cunhas prestacións semellantes ás do novo Moto C Plus, aínda que cunha batería de 2.800 mAh e un prezo de 139 euros, podemos entender que os novos terminais buscan ofrecer unha autonomía maior e axustar máis os prezos, pois non podemos esquecer que falamos de prezos de saída e reduciranse considerablemente nos vindeiros meses (o Moto E reduciu o seu prezo un 36% dende o seu lanzamento).

PUBLICIDADE