Anuncian a primeira serie de xogos de PS2 descargables na PS4

venres, 4 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Tras desvelarse que os vellos xogos de Star Wars que incluía o lote de consola PlayStation 4 co xogo Star Wars Battlefront funcionaban mediante un emulador de PlayStation 4, só faltaba agardar a que Sony comezarse a explotar esta posibilidade con novos títulos, pero sorprendentemente esta espera é de pouco máis de dúas semanas, xa que mañá mesmo, ás 21:00 horas, sairán á venda varios xogos de PlayStation 2 que poderemos gozar na PS4, e que serán algúns dos títulos máis aclamados polos afeccionados.

A recuperación dos clásicos GTA de PS2 é unha magnífica nova para os xogadores de PS4

Así, aínda que algúns xogos como Dark Cloud, Rogue Galaxy, The Mark of Kri e War of the Monsters non sexan os máis recoñecidos polo grande público, goza de máis sona Twisted Metal: Black e moi especialmente a serie de xogos de GTA que tanto éxito tiveran na PS2 (Grand Theft Auto 3, Grand Theft Auto: San Andreas e Grand Theft Auto: Vice City).
Esta reedición dos xogos integrándolles un emulador tamén contará con trofeos e con outras características propias da PS4 (como partidas retransmitidas, Share Play, uso a distancia, novas de actividade e segunda pantalla para manuais de xogo con PS Vita ou a aplicación móbil de PlayStation).
Estamos só ante o comezo do lanzamento de numerosos xogos de PS2, asegurando Sony que recuperará regularmente máis títulos da clásica consola para poder xogar aos mesmos na PS4.

Dark Cloud é un dos clásicos de PS2 que poderán mercarse para PS4 a partires de mañá

PUBLICIDADE