Antonio Rial mostrará ás familias de Porto do Son como acadar navegacións en positivo

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

Porto do Son vai acoller a semana vindeira unha charla impartida polo profesor da USC e investigador Antonio Rial Boubeta, un dos grandes expertos dos ámbitos galego e estatal en metodoloxías para garantir usos racionais, útiles, seguros e rendíbeis das novas ferramentas dixitais. Trátase da charla para as familias Claves para educar @s nos@s fill@s nɑ erɑ dixitɑl (Previr para evitar adiccións).
Antonio Rial Boubeta, doutor e Psicoloxía, é autor dun informe recente de UNICEF, a USC e o CPEIG no que se releva que un de cada catro adolescentes fai un uso problemático de Internet e as redes sociais. Nos seus estudos e comunicacións defende e reivindica as vantaxes das novas tecnoloxías para a nenez e a mocidade (para comunicarnos, para informarmos, para traballar, para enriquecernos) pero dende un punto de vista racional, controlado e supervisado. A charla de Porto do Son desenvolverase o 26 de maio ás 17.00 horas, na Casa da Cultura da vila. Organizan CAFI Galicia e a Consellería de Cultura e Educación, e colabora o Concello de Porto do Son.

PUBLICIDADE