Angular 7 e o desenvolvemento avanzado de aplicacións, ao detalle nun novo curso de Vitae

mércores, 6 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A formación avanzada que obteñamos nun intre determinado non abonda para sermos os mellores profesionais para a nosa empresa, por moito que axude. Fan falta outros ingredientes fundamentais sen os cales a capacitación deixa de ter a utilidade que debera ter. Estes ingredientes son a nosa habilidade para traballar en equipo cunha vontade constante de adestramento profesional e de actualización do previamente aprendido. Axudarnos nestes puntos para sermos bos xeradores de proxectos e, por suposto, bos compañeiros, é un dos obxectivos da terceira edición do Curso Angular 7: Desenvolvemento avanzado de aplicacións empresariais.
O obradoiro, que ten 20 horas de duración, celébrase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 1, 2, 8 e 9 de marzo. O curso, sinala Vitae, aborda o estudo das prácticas precisas para proxectos empresariais: trátase dunha actividade formativa avanzada que aborda un amplo abano de contidos de utilidade práctica: o deseño con Material Design, o despregue empregando o renderizado do lado do servidor ou a creación de Progressive Web Apps. Tamén se porá o foco en xeitos de mellorar o rendemento a través de estratexias de detección de cambios e o patrón Redux.
“Ao remate do obradoiro”, explican os organizadores do mesmo, “o alumnado será quen de crear aplicacións que aproveitan o mellor do framework e o mellor da plataforma web”, dando forma a proxectos cun aspecto e (tamén) cun comportamento máis depurado e con alto rendemento. O curso vai dirixido principalmente a programadores con experiencia en Angular. Terá, como dixemos, unha duración de 20 horas.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE