Angry Birds Space lidera as vendas na App Store

luns, 26 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O lanzamento de Angry Birds Space está a ter grandes repercusións, sorprendendo inicialmente polo seu éxito (conseguiu colocarse de número 1 en vendas na App Store en poucas horas, tanto en unidades vendidas como en cartos ingresados), pero creando certo malestar por mor das declaracións de Peter Vesterbacka (Rovio) ao asegurar que esta nova entrega dos paxaros anoxados non chegaría a dispositivos con Windows Phone, o que rapidamente tivo que ser desmentido por Mikael Hed, director executivo de Rovio, quen afirmou que a versión para o sistema operativo móbil de Microsoft está en desenvolvemento.
Hed detallou que están a colaborar con Nokia para levar os seus xogos ás súas plataformas, o que inclúe aos dispositivos con Windows Phone. De todos os xeitos, o feito de que este título non chegase de lanzamento aos terminais Nokia Lumia deu a entender que Windows Phone aínda é unha plataforma emerxente que precisa consolidarse para estar ao nivel de iOS e Android.
Para celebrar o lanzamento de Angry Birds Space nos EE.UU. tamén fixeron algo moi especial: converteron a Agulla Espacial (Space Needle) de Seattle no tirapedras máis grande do mundo. Para conseguir tal penduraron un paxaro vermello xigante (de 10 metros de altura) a icónica torre, dando lugar a unha promoción tan divertida como orixinal.
ACTUALIZACIÓN: Dende Rovio aseguran que Angry Birds Space tivo 10 millóns de descargas en menos de 3 días. Todo un record, incluso para os Angry Birds.

Penduraron un paxaro anoxado de 10 metros de altura da popular torre de Seattle (EE.UU.) para promocionar o Angry Birds Space

PUBLICIDADE