Angry Birds Epic estréase de xeito limitado

luns, 17 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Cumprindo co anunciado, o xogo Angry Birds Eplc veu a luz nos antípodas, seguindo os pasos de Angry Birds Go!, de xeito que os usuarios con conta nas App Store locais de Canadá, Australia e Nova Zelandia poden xa descargar o primeiro xogo de rol por quendas da franquía Angry Birds, o que supón un importante salto para esta marca, que atrévese cun xénero moi afastado de fórmulas máis arcade. Desta volta parece que este lanzamento por etapas será máis pausado que o anterior, pois o xogo chega só en inglés (cando Angry Birds Go! estaba localizado a varias linguas dende o comezo) dando a entender que estamos ante un título bastante complexo, con numerosas cadeas de texto a traducir (algo habitual nos RPG) que dificultan un lanzamento internacional.
Esta nova aventura está dispoñible como aplicación de balde, tendo que facer evolucionar a equipos de heroicos paxaros que se xuntan nunha arriscada misión na que ter que bater a numerosos porcos malvados en combates por quendas nas que será preciso administrar correctamente os nosos recursos, lanzando ataques especiais e utilizando as pocións dispoñibles no mellor momento, para superar inimigos que irán medrando en dificultade, facendo obrigado ter que mellorar armamento, armadura e outros equipamentos para o que iremos gañando recursos durante o xogo, aínda que tamén será posible facerse con este tipo de elementos pagándoos con cartos reais.
O xogo tamén inclúe ligazóns a páxinas web sociais, publicidade de produtos de Rovio e compañías asociadas e incluso unha canle de vídeos. Espérase que chegue a España durante a vindeira primavera (aínda que os usuarios máis impacientes sempre poden darse de alta nalgunha das App Store nas que está dispoñible o xogo para poder descargalo de xeito anticipado).


Último trailer do xogo

JPEG - 103.1 KB
O xogo continúa a facer uso da banda deseñada como elemento narrativo

PUBLICIDADE