Angela Ahrendts adianta que o Apple Watch sairá á venda en primavera

luns, 3 de novembro do 2014 Redacción

Moita é a expectación polo lanzamento do smartwatch de Apple, en boa medida polas grandes incógnitas sobre o novo wearable da compañía de Cupertino, como os distintos prezos, as características finais e as datas de comercialización, estando cada vez máis claro este último aspecto, pois aínda que estaba claro que non sería até 2015 cando o produto sairía á venda, o panorama poderá mudar moito entre a venda do reloxo nas primeiras semanas do ano a de facerse preto do verán. As últimas novas que temos a este respecto parten dunha videomensaxe de Angela Ahrendts, responsable de consumo de Apple, aos traballadores da compañía, na que os insta a gardar enerxía para a campaña de Nadal, detallando que tras a mesma chegará o Aninovo Chinés (en febreiro) e, “o lanzamento dun novo reloxo en primavera”. Deste xeito entendemos que o Apple Watch chegaría como moi cedo a finais de marzo, de xeito que non se cumpriría o desexo de moitos de que o trebello estea dispoñible a tempo para o Día dos Namorados.
O lanzamento do Apple Watch estaría a ser máis imporante para a compañía de Cupertino do que poderiamos pensar nun primeiro momento, pois supón cambios nas estratexias de venda de Apple e tamén precisa de procesos formativos para os traballadores da Apple Stores para que poidan atender correctamente aos consumidores sobre produtos que nunca venderan antes, e nos que os distintos modelos, tamaños e correas suporán unha diversidade de produtos inédita no catálogo da empresa.

PUBLICIDADE