Android recibe un xogo de sopas de letras en galego
martes, 30 de xullo do 2013
Baixo a
marca Debullapps temos a “un electricista
en paro que intenta aprender a programar” que vén de estrear en Google
Play unha aplicación
chamada Sopas Galegas, que non é máis que un sinxelo xogo de sopas de
letras para galegofalantes, con máis de 400 palabras seleccionadas da nosa
lingua en 10 categorías diferentes e sobre as que podes picar se queremos
consultar o seu significado en Google, a Wikipedia ou o dicionario da Real
Academia Galega.
Este xogo sitúa as
palabras en posicións diferentes de cada vez, con numerosas combinacións grazas
a que cada vez que iniciamos un taboleiro teremos unha sopa de letras xerada de
xeito automático, polo que os afeccionados a este tipo de pasatempos terán aquí
un bo xeito de ocupar o seu tempo de lecer que podemos agradecer ao interese do
seu creador en aprender a desenvolver aplicacións móbiles.
Ao rematar cada partida indicarásenos o tempo en completar o taboleiro e os
puntos acadados, instándonos en conseguir cada vez unha maior puntuación,
principal incentivo para continuar a xogar a este título que podemos descargar
de balde dende dispositivos con Android 2.2 ou superior.