Android preguntará aos usuarios europeos polo navegador web e buscador a empregar

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Como consecuencia á sanción que a Comisión Europea impuxo a Google polo seu abuso de posición dominante en Android, temos agora un comunicado da compañía de Mountain View no que lembran como mudaron o modelo de licenzas de Android para adaptarse ás esixencias comunitarias e anuncian que, para que os usuarios sexan máis conscientes da posibilidade de empregar buscadores distintos a Google e navegadores distintos a Chrome, preguntarán aos consumidores europeos polos que prefiren empregar nos seus novos dispositivos.
Temos así que, aínda que a posibilidade de instalar outros navegadores e buscadores sempre estivo presente, non se deixe tal posibilidade só en mans do consumidor (que en moitos casos descoñece a existencia de alternativas) e vaia procederse a unha solución semellante á adoptada por Microsoft en 2010, cando incorporaron a Windows unha pantalla de selección de navegador (medida que non parecía xustificada, xa que nese momento Internet Explorer estaba moi lonxe de ser un navegador web maioritario, con Chrome e Firefox tendo unha posición de mercado superior).

PUBLICIDADE