Android Oreo (Go edition) funcionará en smartphones con poucos recursos

martes, 5 de decembro do 2017 Marcus Fernández

En maio Google anunciou que Android Oreo ía contar cunha edición reducida, Android Go, destinada a dispositivos con poucos recursos, unha especie de versión Lite do sistema operativo que por fin é unha realidade, e Android Oreo (Go edition) chega mañá mesmo como unha parte de Android 8.1.
Esta edición lixeira de Android está destinada a dispositivos con entre 512 MB e 1 GB de memoria e céntrase en tres elementos chave: o sistema operativo (con melloras de desempeño e almacenamento), Google Apps (unha selección de aplicacións de Google lixeiras e relevantes) e Google Play Store (unha versión da tenda de aplicacións que destaca as versións das aplicacións óptimas para os dispositivos máis limitados).
Con Android Oreo (Go edition) as aplicacións funcionan e cargan de media un 15% máis rápido, e tamén teñen máis capacidade de almacenamento dispoñible, xa que o sistema operativo e as súas aplicacións preinstaladas buscan ocupar o mínimo posible (o 50% aproximadamente) coa mente posta en dispositivos de entrada con pouca memoria interna. O sistema tamén ten activado de serie un aforrador de datos que confían en que de media poida supor o uso de 600 MB menos de datos móbiles por usuario ao ano en Google Chrome, á vez que tamén permite administrar o uso de datos que fan as aplicacións.
Pese a estarmos ante un Android reducido, non se escatimaron esforzos en seguridade, e o novo sistema conta con todas as medidas de seguridade dunha versión de Android normal, incluíndo Google Play Protect, que comproba a seguridade das aplicacións instaladas, para que o dispositivo, os datos e as aplicacións estean seguras en todo momento.
As aplicacións de Google preinstaladas en Android Oreo (Go edition) tamén están optimizadas para consumir poucos recursos, de xeito que reducen o consumo de datos e ocupan menos espazo de disco. Estas aplicacións serían Google Go, Google Assistant Go, YouTube Go, Google Maps Go, Gmail Go, Gboar, Google Play, Chrome e a nova Files Go.

PUBLICIDADE