Android N estrea versión preliminar para desenvolvedores

mércores, 9 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Dado que o vindeiro Google I/O non se celebrará até o vindeiro 18 de maio, podemos considerar que Google sorprendeu considerablemente hoxe ao anunciar unha versión preliminar para desenvolvedores de Android N, a vindeira edición de Android, que aínda está nunha fase de desenvolvemento pouco madura, pero que busca conseguir anticipadamente certo feedback por parte de desenvolvedores de todo o mundo para poder incorporar as súas achegas antes do seu lanzamento de cara ao público xeral.
Polo momento dende Google dan conta dalgunhas das novidades que integra Android N das que poderán tirar proveito os desenvolvedores, como é o caso da multi-fiestra, de xeito que a posibilidade de correr aplicacións a pantalla partida será algo integrado no sistema operativo móbil, podendo o desenvolvedor marcar un tamaño mínimo de fiestra, contando cun sistema de funcionamento entre modos semellante ao do cambio de orientación dos dispositivos móbiles e facilitando incluso prestacións como o Picture-in-Picture que teñen algunhas aplicacións de reprodución de vídeo.
Android N tamén contará cun sistema de resposta directa de notificacións (desenvolvido inicialmente para Android Wear, e que agora facilitará a resposta rápida de notificacións de mensaxes dende smartphones e tabletas), notificacións en lote (agrupando as notificacións dunha mesma aplicación para que poidan expandirse cun xesto ou pulsación), unha maior eficiencia (avanzando no sistema de mellora de batería de Android 6.0) e incrementando o soporte de Java 8.
A versión preliminar para desenvolvedores de Android N pode xa descargarse para Nexus 6, Nexus 5X, Nexus 6P, Nexus Player, Nexus 9 e Pixel C (que incluso poden actualizarse vía OTA inscribíndose no programa de betas de Android), e para celebrar o seu lanzamento Google ofrece nos EE.UU. un desconto de 150 dólares na compra de tabletas Pixel C.

PUBLICIDADE