Android 5.1 comeza a chegar a dispositivos Nexus

martes, 10 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A renovación de Android avanza a un ritmo moi pausado, e antes de que a meirande parte dos smartphones insignia do ano pasado reciban a actualización a Lollipop dende Google xa anuncian o lanzamento oficial de Android 5.1, versión que manterá o alcume de Lollipop e que está a comezar a súa distribución para os dispositivos da familia Nexus.
Android 5.1 supón unha mellora na estabilidade e no rendemento do sistema operativo, á vez que engade prestacións como o soporte para múltiples tarxetas SIM, protección para os dispositivos e voz en alta definición para os móbiles que sexan compatibles.
Deste xeito, se gozamos dun terminal con Android 5.1 e dobre SIM, cando fagamos unha chamada o sistema deixaranos elixir a tarxeta coa que queremos facela, buscando principalmente satisfacer aos usuarios que queiran ter nun único terminal os seus números telefónicos persoal e profesional.
O sistema de protección de dispositivo permite que un smartphone perdido ou roubado poida bloquearse até que alguén se identifique coa conta de Google coa que se bloqueo, sendo imposible eliminar tal bloqueo incluso restaurando á configuración de fábrica o dispositivo. Esta característica será compatible con todos os teléfonos con Android que cheguen ao mercado con Android 5.1 (ou sexa, que moitos terminais anteriores non gozarán de tal nivel de seguridade).
E, finalmente, a tecnoloxía de voz en alta definición da que presumen algúns operadores de telefonía móbil estará integrada en Android 5.1, de xeito que non será preciso instalar software adicional para poder aproveitar esta tecnoloxía que permite unhas chamadas máis nítidas.
Un detalle que tamén se mellora en Android 5.1 é o xeito de unirse a redes Wi-Fi e emparellar dispositivos Bluetooth, o que poderá facerse directamente dende o menú de acceso rápido, o que axiliza considerablemente a xestión de conexións sen fíos.

PUBLICIDADE