Andreu Ibáñez comeza este xoves en Santiago a súa rolda galega de demostracións con Google Glass

mércores, 23 de abril do 2014 Redacción

Tal e como avanzamos os días pasados dende Código Cero, esta semana temos dúas citas coas Google Glass. A primeira será o 24 de abril en Santiago: un encontro coas posibilidades que achega esta tecnoloxía en múltiples eidos da investigación. A presentación das lentes interactivas do xigante de Internet desenvolverase no CiTIUS e incluirá unha demostración no salón do actos que correrá a cargo de Andreu Ibáñez, director do proxecto Mundo Glass e membro da comunidade de desenvolvedores Glass Lleida Developers, unha iniciativa da empresa Ponent 2002 e outros desenvolvedores asociados para desenvolver aplicacións integrábeis nesta nova plataforma.
Ao longo da conferencia, Ibáñez falará de diferentes aspectos técnicos e comentará algúns dos proxectos nos que traballa, como Liquid Galaxy, en virtude do cal mantén unha relación dende hai anos coa central de Google en California.
Andreu Ibáñez leva xa un tempo presentando por todo o Estado varias aplicacións que a súa comunidade de desenvolvedores está a argallar para o devandito dispositivo do buscador. Entre estas ferramentas cómpre salientar unha aplicación sobre arqueoloxía que permitirá realizar procuras con capacidade de proxectar información directamente nos ollos de quen carrete o dispositivo. Tamén están a dar forma a un recurso para optimizar os voos dos helicópteros, e outro aplicativo para dispormos a tempo completo dos horarios de buses de Lleida.
Ibáñez, como adiantabamos hai uns días, tamén estará esta semana en Vigo, onde está prevista outra presentación de Google Glass. A visita a Vigo celebrarase o día 25, comezando cun xantar para membros do GDG local, que definen como “cocido con Google Glass”, no que buscan casar a gastronomía galega (sopa de cocido, cocido galego e cañas recheas con crema) coas populares lentes de Google. Pechará a xornada unha presentación no Club Financeiro de Vigo de 19:00 a 21:00 horas, que non se limitará a falar de Google Glass, senón que tamén se achegará á nova plataforma Android Wear, á vez que intentarán amosar un enfoque profesional destas tecnoloxías emerxentes de Google.
Lembrar por último que as Google Glass son unhas lentes de realidade aumentada que amosan toda a información da que dispoñen os usuarios de smartphones e coa vantaxe de non teren que empregar as mans, posibilitando acceder a Internet mediante a voz.

PUBLICIDADE