Analizan o papel do ciberdereito nunha sesión de networking organizada polo CPEIG

martes, 12 de febreiro do 2019 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) puxo en marcha hoxe o proxecto de eventos tres14.pm, unha iniciativa que nace coa idea de xerar un espazo de coñecemento, formación e networking entre persoas colexiadas e alguén relevante para a profesión.
Esta primeira edición celebrouse na Casa de Europa en Santiago de Compostela. O persoeiro invitado foi o delegado de Protección de Datos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), José Julio Fernández Rodríguez.
Na sesión, desenvolveu ideas globais sobre o achegamento do dereito e o mundo dixital, asegurando que nun futuro non moi lonxe só haberá ciberdereito. O tamén profesor de Dereito Constitucional da USC explicou que neste contexto os dereitos fundamentais están xa sometidos a novos retos neste mundo dixital, como é o caso da privacidade ou a a protección de datos.
Ademais, o experto indicou que as tecnoloxías disruptivas, como a robótica ou a intelixencia artificial, son un perigo para o ciberdereito. Neste punto, sinalou que actualmente o Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea de 2016 e a Lei Orgánica de Protección de Datos de 2018 xa non contempla certos aspectos, pois o avance deste mundo dixital é máis veloz que o labor do lexislador. «No 2050 o dereito permitiranos casar con robots humanoides», asegurou José Julio Fernández.
Na súa función como Valedor do Pobo de Galicia entre 2007 e 2015, José Julio Fernández indicou que, aínda contando con liñas específicas de formación dixital para combater o ciberacoso en menores, o problema xorde polo analfabetismo dixital dos pais. «A socialización actual dos menores é moi complicada, porque comprende o ámbito educativo, o social, o familiar ademais do cieberespazo onde é máis difícil realizar esta supervisión dixital», manifestou.

PUBLICIDADE