Amplían os contidos da aplicación móbil Non piques, non peques

luns, 22 de abril do 2019 Redacción

A aplicación móbil Non piques, non peques, que contén información sobre as vedas, os talles mínimos e o período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan en Galicia, conta con 30 novas especies. Esta ampliación de contidos da aplicación móbil coincide coa época das vacacións de Semana Santa, co obxectivo de promover o coñecemento dos peixes e mariscos que se poden atopar no mercado galego entre a cidadanía en xeral e especialmente entre os turistas que visitan Galicia no período vacacional.
As especies novas que se engaden ás versións en galego, castelán e inglés desta aplicación móbil son a acedía, a agulla, o alcrique, a ameixa bicuda, a anguía, a bertorella de rocha, o ameixón, o rabioso, o caramuxo, o carneiro, a castañeta, o choquiño, a choupa peixe, a cornicha, o curuxo, o dentón, o escacho, o escarapote de pedra, o mero, a lamprea de mar, a lapa común, o longueirón vello, o melgacho, o bonito alistado, o peixe porco, a pota común, o prago, o reló, a xuliana e o mexillón.
Deste xeito súmanse ás 53 que estaban dispoñibles, polo que os cidadáns poden consultar un total de 83 fichas individuais das principais especies da pesca e o marisqueo en Galicia con información sinxela e amena sobre as mellores épocas para comprar e consumir peixes e mariscos capturados na nosa comunidade. Tamén axuda a identificar de xeito visual as distintas especies e a coñecer cales están en veda. Ademais contén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo.
Desde a súa posta en marcha a aplicación foi descargada máis de 10.800 veces. Funciona como unha guía sinxela que unha vez descargada se pode consultar sen ter conexión a internet. A súa descarga tamén é doada e totalmente de balde para iOS e para Android.

PUBLICIDADE