Ampliado o prazo de licitación para a redacción do proxecto do centro de formación da Cidade das TIC

luns, 7 de outubro do 2024 S. P.

Imaxe aérea da antiga Fábrica de Armas, hoxe en día Cidade das TIC

A Xunta de Galicia vén de ampliar ata o vindeiro 24 de outubro o prazo de licitación da redacción do proxecto básico e de execución para rehabilitar os edificios da Escola de Formación Profesional e a Clínica da antiga Fábrica de Armas da Coruña, hoxe en día Cidade das TIC. Trátase, segundo informou o Goberno galego, “do primeiro paso para a creación neste complexo dun novo centro de formación autonómico especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital, en liña coas demandas do mercado actual e o aproveitamento das novas oportunidades económicas, sociais e ambientais”.
O orzamento base de licitación para rehabilitación de ambos edificios é de 198.000 euros e a empresa que resulte adxudicataria contará cun prazo de cinco meses para a súa redacción. A execución material de ambos inmóbeis terá un custo de 2,43 millóns de euros. Tamén lembra que tanto a escola, que conta en total con 2.258 metros cadrados, como a clínica, dotada de 395 metros cadrados, “son construcións de mediados do século XX que levan tempo sen uso, polo que se require dunha rehabilitación e adaptación ás normativas e estándares actuais, tanto nos ámbitos construtivos, como enerxético, medioambiental e de usabilidade”.
Segundo se establece no documento de licitación, a reforma da antiga Escola de Formación Profesional deberá contemplar no andar baixo do edificio a creación dunha zona de recepción e sala de espera, catro espazos formativos (con capacidade para 30 postos de formación) de 100 metros cadrados cada un, un espazo de innovación de 100 metros cadrados, un salón de actos de cando menos 200 metros cadrados, así como zonas de aseos e almacén, entre outros.
O andar superior deberá contar con outros catro espazos formativos e un novo espazo de innovación de semellantes características que os anteriores, zona de dirección e administración, áreas tanto de xefatura de estudos como técnica (ambas con capacidade para catro postos de traballo) e máis aseos. Ademais, este edificio deberá contar con espazos verdes, de ocio e de descanso.
Pola súa banda, o proxecto de rehabilitación da antiga clínica deberá dispoñer de vestíbulo, dous espazos para reunións, catros espazos de traballo individuais, aseos públicos e zona de almacén.
Nas bases faise saber que o proxecto que se redacte deberá respectar a fachada dos edificios orixinais para manter a estética, acorde co resto de rehabilitacións xa acometidas no complexo da antiga Fábrica de Armas da Coruña. Ademais, en liña coa súa temática (relacionada coa transición verde e ecolóxica) deberá contar cunha elevada eficiencia enerxética e de climatización, así como cunha alta capacidade tecnolóxica e de conectividade acorde aos seus futuros usos e actividades.
O proxecto está co-financiado pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta.