Amosan o contido da caixa da futura Xbox One

xoves, 8 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Aínda que o feito de que parte das funcionalidades básicas da Xbox One só estean dispoñibles para subscritores de Xbox LIVE Gold, a consola de Microsoft chegará nun paquete bastante competo, e para demostralo, Larry Hryb, o coñecido Major Nelson, fixo un unboxing (ou desempaquetado) do dispositivo para que vexamos todo o que incluirá na súa caixa cando se poña á venda antes do Nadal.
Finalmente a consola chegará co seu transformador de corrente, o sensor de Kinect e o seu mando, elementos imprescindibles para o seu funcionamento, pero adicionalmente tamén contará cun cable HDMI compatible con resolución 4K (e 3D) e un auricular con micrófono (pensado para o xogo en liña), elementos que supoñen un extra moi de agradecer.
Entre as curiosidades que se comentan está que a Xbox One contará con disco duro de 500 Gb, 3 portos USB 3.0, Wi-Fi e rañura de seguridade Kensington; o mando poderá usarse sen fíos con baterías recargables e tamén poderá conectarse por micro USB para funcionar sen baterías ou para cargar a súa batería (no caso de ter un kit de carga, pois non cargaría pilas AA estándar); e o auricular con micrófono só pesa 44 gramos e o seu micrófono pode xirarse (para facilitar o uso do auricular en ambas orellas).


Vídeo co unboxing da Xbox One

PUBLICIDADE