Amosan como será Infinity Blade: Dungeons en acción

venres, 18 de maio do 2012 Marcus Fernández

Para amosar a potencial gráfica do novo iPad durante a súa presentación a xente de Epic Games amosou imaxes do que será Infinity Blade: Dungeons, que aínda que estea baixo o paraugas da franquía de xogos de loita Infinity Blade que tanto éxito tiveron en iPhone e iPad, realmente fuxe deste xénero e chegará como un xogo de alxubes ao estilo de Diablo, que curiosamente está moi de actualidade co lanzamento de Diablo III e coa chegada doutros títulos do mesmo xénero para distintas plataformas (como Torchlight II e Heroes of Ruin).
Aínda que a data de lanzamento de Infinity Blade: Dungeons é toda unha incógnita (só sabemos que sairá este mesmo ano), pero xa se van coñecendo detalles significativos do xogo grazas á publicación na Rede dun vídeo co xogo en acción no que podemos ver como se forxa un arma e supérase un alxube no que hai que facer fronte a lobos, arañas xigantes e outras feras sobrenaturais.
A xente de IGN puido probar en primeira persoa o xogo, e parecen bastante satisfeitos cun elemento tan crucial para o seu éxito como o sistema de control, que parece ser o suficientemente bo como para convencer a usuarios ocasionais e a xogadores afeitos a este tipo de xogos no PC.


Vídeo do xogo en acción

O xogo contará cuns gráficos impresionantes para un dispositivo móbil
En Infinity Blade: Dungeons hai que enfrontarse a lobos e distintos monstros fantásticos

PUBLICIDADE