Amosan a edición para coleccionistas de Batman: Arkham City

martes, 19 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O 18 de outubro chegará ás tendas o agardado xogo Batman: Arkham City, e como xa fixera o seu predecesor (Batman: Arkham Asylum) vai contar cunha edición para coleccionistas realmente espectacular, que vén de ser revelada nos EE.UU. e que por 99 dólares incluirá o xogo para Xbox 360 ou PlayStation 3 (parece ser que a versión para PC non correrá a mesma sorte) xunto cuns interesantes engadidos: unha estatua exclusiva de Batman obra de Kotobukiya, un libro de ilustracións do xogo, a película de animación Batman: Guardián de Gotham, 4 cartas coleccionables e contidos descargables como o álbum coa banda sonora do xogo e acceso anticipado ao mapa Iceberg Lounge Challenge e a un traxe inspirado en The Dark Knight Returns.
Todo un auténtico luxo para os seareiros do Home Morcego que agardemos que tamén estea dispoñible en Europa nas mesmas condicións que a edición norteamericana (pois na anterior entrega o acabado dos produtos engadidos á edición de coleccionista era bastante inferior no nos territorio).

A edición para coleccionistas de Batman: Arkham City promete ser moi completa

ACTUALIZACIÓN (20-7-2011): Confírmase que a edición para coleccionistas de Batman: Arkahm City chegará a España a 99,50 euros para Xbox 360 e PlayStation 3 e a 91,50 euros para PC cos mesmos contidos que a versión norteamericana.

PUBLICIDADE