Amnistía Internacional sinala ós gobernos que vixían ós cidadáns a través da Rede

martes, 11 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Internet é en ocasións como un boneco nas mans do poder, do político (que vai a menos) e do corporativo (que vai a máis). Pero que ninguén lle saque as unllas á Rede, que non é corrupta por si mesma nin pode selo. Vías do poder para apertarlles o pescozo ós cidadáns sempre houbo, só que na Internet aquel pénsase seguro e actúa a esgalla. Á espera de que as cousas se inclinen de xeito definitivo a prol da cidadanía, entidades como Amnistía Internacional seguen a denunciar exemplos de abusos gobernamentais ou empresariais a través da Rede, e segundo un dos seus últimos informes até 10 países están a converter en práctica común e rutinaria a vixilancia por Internet, ben metendo o seu nariz nas salas de chat, ben suprimindo blogs ou bloqueando motores de busca ou ben metendo na cadea a individuos que usan a Rede precisamente para o contrario: para defender a liberdade como dereito universal do ser humano.
Segundo a dita organización non gobernamental, a raizame deste medre na privación dos dereitos fundamentais dos cidadáns está nos atentados do 11-S que se conmemoran precisamente hoxe e que derivaron nunha especie de paranoia por tentar supostamente a fin do terrorismo que de xeito paradoxal tivo o efecto contrario: o mundo non é máis seguro a día de hoxe. Na actualidade, países como China (que ten metido na cadea a cidadáns por opoñerse á política do goberno nas súas bitácoras), Mauritania ou Cuba veñen de converter en costume o feito de vixiar ós disidentes coa liña ideolóxica das autoridades a través das novas canles da información.
Imaxe vista no caderno de Laurenbove en Flickr.

PUBLICIDADE