Ames entrega os premios Galetiktokers 2021 nunha gala presentada por Fátima Pego

venres, 17 de decembro do 2021 S. P.

Onte entregáronse na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) uns galardóns impulsados polo Concello de Ames destinados a reivindicar as capacidades creativas e participativas da rede social TikTok, o talento da mocidade e, tamén, o impulso do galego no ámbito online. Estamos a falar dos Premios Galetiktokers, que recoñeceu os seguintes vídeos da mocidade local e galega: Redescubre a música galega, Minuto Breogán, A xente e os seus vicios e E inglés, si? As persoas premiadas déronse a coñecer no transcurso dunha gala que contou coa presenza das persoas participantes, dos membros do xurado e de Fátima Pego que actuou como presentadora e, acompañada do DJ Son1c, como cantante.
Asistiron tamén o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.
Tanto nas súas intervencións como nas do resto dos convidados/as púxose de manifesto a “necesidade de encher as redes de contidos en galego como xeito de valorizar e de perpetuar a lingua ao tempo que aproveitamos as vantaxes dunha marca de noso que nos fai únicos e diferentes”.
Lembraron que o certame ten a súa orixe nun esforzo conxunto dos departamentos de Mocidade e de Normalización Lingüística e que nesta segunda edición abriuse o concurso a quen quixera participar, o que provocou que se recibisen propostas doutros moitos concellos galegos.
A festa contou coa música en directo da cantante e presentadora Fátima Pego e DJ Son1c e co humor de dous dos membros do xurado: Gabi G e Leti da Taberna. A tamén xurado, Lucía Rodriguez, subiu ao escenario para sinalar “a dificultade de elixir aos gañadores dada a calidade dos traballos presentados”. Todos os traballos puideron verse no transcurso da gala.
Na categoría de 13 a 16 anos obtivo o premio do público Redescubre a música galega, un traballo presentado polas amesás Lorena Viñas Lafuente, Emma Arias Blanco e Zulfa Muiño Vilela. O premio do xurado foi para Minuto Breogán dos vigueses Ismael Barreiro e Jerome Alonso. Cómpre salientar que nas votacións de Instagram ambos os dous traballos obtiveron os mesmos likes, 345, e que a organización do certame tivo que abrir un novo prazo de votacións para o desempate.
Na categoría de máis de 17 anos, o público outorgou o premio a E inglés, si? da compostelá Antía Villaverde.
Pola súa banda, o xurado concedeu o premio á peza A xente e os seus vicios da fisterrá Alba Castro.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou a esencia do certame de “ir cos tempos levando a nosa lingua ás redes” e agradeceu a todas as persoas que traballaron a prol do certame desde as técnicas de Normalización e Mocidade, ás persoas que interviron na gala e a todas as persoas que participaron cos seus traballos”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas Garcia, declarouse “defensor e usuario das redes sociais desde o seu inicio” e manifestou a “gran utilidade que teñen tamén para espallar o uso do galego”.
Nesta edición presentáronse 22 propostas que enviaron 32 candidatos/as. A temática das pezas foi variada, aínda que a lingua e a cultura galega destacaron como foco principal dos tiktoks das participantes.
Os galardóns do certame Galetiktokers suman 600 euros, repartidos entre as dúas categorías. Cada un dos premiados recibiu 150 euros.