Ames entrega este 16 de decembro os seus premios ás mellores galetiktokers
mércores, 15 de decembro do 2021
A
Casa
da Cultura de Bertamiráns acolle este xoves 16 de decembro a gala de
entrega de premios do certame Galetiktokers, unha iniciativa da
Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística que ten
obxectivo de fomentar a creatividade da xente moza e a creación de
novos formatos en galego.
O
evento, que comeza ás 18.00 horas, será conducido polas
presentadoras e comunicadoras online Fátima Pego e Lucía
Rodríguez, e contará coa intervención das integrantes do xurado,
Gabi G e Leti da Taberna, así como coa música de DJ Son1c e da
propia Fátima Pego. Os convites, de balde, xa se poden retirar na
billeteira electrónica do Concello de Ames.
Os
premios do certame Galetiktokers suman uns 600 euros, repartidos
entre dúas categorías determinadas pola idade. A primeira categoría
inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e
a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Ambas modalidades
optan a dous premios de 150 euros, decididos polo xurado ou ben polo
público, que votou polos seus vídeos favoritos a través da conta
de Instagram da OMIX de Ames.
En
total, unhas 21 propostas de 17 candidatas foron enviadas e aceptadas
pola organización. A temática das pezas é variada, mais a lingua e
a cultura galega destacan como foco principal dos tiktoks das
participantes. Os vídeos inclúen referencias á música, ao
deporte, á sociolingüística ou mesmo a estereotipos do galego,
mais tamén hai contribucións de carácter humorístico ou de
bailes. Os vídeos creados para esta segunda edición do
Galetiktokers tiñan que estar en lingua galega, e debían ser de
creación propia a través da aplicación TikTok, cunha duración de
entre 15 e 60 segundos.
A
concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata
Pampín, quixo felicitar a todas as participantes e destacar que
nesta edición foron máis as rapazas e as mulleres que se animaron a
enviar as súas propostas: máis concretamente, un 86% dos vídeos
candidatos leva firma feminina. “Agradezo moito a participación de
todas as persoas, que coas súas creacións puxeron de manifesto o
talento que hai no país, contribuíndo ademais a espallar a nosa
lingua pola rede. Quero resaltar en especial a maioritaria
participación de mulleres nesta edición".