Ames comeza ano iniciando á cidadanía en Internet e ofimática

venres, 11 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames comeza ano con formación tecnolóxica para a cidadanía, poñendo o foco na alfabetización dixital de base. Ou sexa, en botar abaixo o primeiro e máis decisivo atranco no camiño da democratización TIC. Segundo informa o Goberno local, serán tres novos cursos para o primeiro trimestre do ano, todos eles co nexo común de ser tres obradoiros específicos sobre aspectos útiles da Sociedade do Coñecemento. Desenvolveranse na Aula de Informática do Milladoiro, que xa ten aberto o prazo de inscrición.
A oferta está formada por unhas xornadas de iniciación a Internet, que se realizarán en xaneiro, un curso sobre o procesador de textos Writer para nenos e nenas para febreiro, e un obradoiro de mecanografía en marzo.
As xornadas de iniciación a Internet van dirixidas a persoas maiores de 16 anos. Esta formación, de seis horas de duración, desenvolveranse os días 23, 24, 28 e 29 de xaneiro en dúas quendas, de 10.00 a 11.30h ou de 18.00 a 19.30h. Ofértanse 10 prazas por quenda.
Por outra banda, no mes de febreiro está prevista a realización dun curso sobre o procesador de textos Writer pensado para nenos e nenas de 9 a 12 anos. Este obradoiro de seis horas terá lugar do 25 ao 28 de febreiro, en horario de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10.
Finalmente, a programación trimestral complétase coa realización dun obradoiro de mecanografía para maiores de 16 anos. Este último curso, de unha duración de catro horas, desenvolverase do 25 ao 28 de marzo, en horario de 10:00h a 11:00 horas ou de 18.00 a 19.30h. Ao igual que os anteriores, o número de prazas dispoñibles será de 10 por quenda.
O prazo de inscrición para estes obradoiros de balde está aberto até que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. O Concello salienta que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para ter praza é preciso estar empadroado no termo municipal de Ames.
As inscricións poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de participación no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.

PUBLICIDADE