Ames acolle o día 12 un obradoiro de ecommerce

xoves, 7 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Ames vai acoller este 12 de novembro ás 20.00 horas unha actividade de formación dirixida a apoderar á poboación local en materia de comercio electrónica: trátase de achegar á veciñanza os mellores recursos posíbeis para dominar os diferentes servizos de banca en liña ou de ecommerce, agora que os dous ámbitos de actividade avanzan na súa convivencia cos métodos tradicionais (os servizos bancarios en sucursal ou os pagos con diñeiro físico).
A actividade vén da man da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), que sinala que o obxectivo concreto é “reducir a fenda dixital entre os consumidores e consumidoras con menor experiencia no proceso de contratación por Internet, así como dar consellos que permitan que os procesos de compra sexan seguros”.
Os e as asistentes á charla poderán coñecer as particularidades da compravenda online en base a catro bloques diferenciados. Así, abordarase o proceso anterior á contratación e as medidas de seguridade a ter en consideración; o proceso de compra, facendo fincapé na figura do vendedor e na prevención de posibles estafas; os aspectos posteriores á compra, como as garantías e o dereito de desistimento; e, por último, os procedementos de reclamación e os mecanismos de resolución extraxudicial de conflitos.
Esta actividade forma parte dun proxecto formativo que a Unión de Consumidores de Galicia está a desenvolver por doce localidades de toda Galicia e conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. En Ames desenvolverase no salón de plenos da Casa do Concello, o próximo martes 12 de novembro, a partir das 20:00 horas e con entrada de balde.

PUBLICIDADE