Ames acadou en 2025 un total de 991 afiliacións no sector tecnolóxico
mércores, 4 de marzo do 2026

- Celebración do encontro tecnolóxico Innovames o pasado mes de febreiro
Ames pechou o ano 2025 con 991 afiliacións no sector tecnolóxico, das cales 134 corresponden á cinematografía e actividades de vídeo. O emprego tecnolóxico representa, deste xeito, o 9,7% do emprego total, practicamente un de cada dez empregos do municipio. Esta porcentaxe supera amplamente a media de Galicia (5,8%), a da provincia da Coruña (5,1%) e tamén a de Santiago de Compostela (arredor do 7%). Tamén o fai coa media do estado, un 6,38% no 2024. Son datos correspondentes ao Mapa del Empleo Tecnológico de España, da Fundación Cotec.
O Concello explicou que “esta importante suba correspóndese cunha tendencia que xa vén en alza dende anos atrás, concretamente dende o 2019”. Así, en 6 anos o tecido tecnolóxico amesán pasou dun 7,1% a un 9,7% do total do emprego do municipio. Estamos a falar dunha suba de 318 empregados, dos 606 aos 924, que supoñen un incremento do 52,5% das afiliacións tecnolóxicas.
No que respecta ao conxunto do mercado laboral total (emprego tecnolóxico e non tecnolóxico), nese mesmo período houbo un crecemento global de 1.606 afiliados máis, o que a nivel porcentual implica o 18,5% do emprego de todo o municipio.
“Estas cifras, en termos relativos á poboación amesá, expoñen un avance especialmente significativo”, explicou o alcalde Blas Garcia, salientando que “Ames está á cabeza en Galicia no ámbito tecnolóxico” e engadindo que “o forte incremento do emprego tecnolóxico reflicte o traballo de todos: empresas, emprendedores e políticas municipais de apoio á innovación. Seguiremos apostando por proxectos que fomenten o talento local e a colaboración empresarial. Con iniciativas como o centro de traballo colaborativo da Proa, InnovAmes ou o Ames AV LAB, buscamos crear unha contorna que impulse a innovación e permita a empresas e profesionais seguir crecendo no noso concello”, concluíu o rexedor.
O alcalde tamén salientou que estes datos en materia tecnolóxica teñen aínda máis valor se se poñen en perspectiva e se contrastan con outras localizacións como Galicia, Santiago, ou o resto do Estado. “Obsérvase como o concello de Ames supera en case 4 puntos os datos galegos (5,8%), en máis dun 2% os concello limítrofe de Santiago de Compostela (7%), e en case 3 puntos os do conxunto do Estado (6,38% no 2024)”, sinalou.
