Amazon presenta un feixe de produtos que integran o seu asistente de voz

venres, 21 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Os rumores de que Amazon estaba a preparar unha chea de produtos controlables por voz resultaron ser totalmente certos, e Dave Limp, vicepresidente senior de Amazon Devices anunciou en Seattle unha serie de produtos que hoxe mesmo saen á venda no mercado norteamericano e que previsiblemente teremos en España no outono, cando se estree oficialmente Alexa en español.
O primeiro produto anunciado foi o novo Echo Dot, o altofalante conectado de Amazon de dimensións máis reducidas, que chega á súa terceira xeración, mellorando considerablemente a súa calidade sonora e o seu volume (que será un 70% máis alto), conservando tamén a posibilidade de conectarlle outros altofalantes máis potentes por cable ou Bluetooth (o que é un xeito moi práctico de convertelos en altofalantes conectados). Este produto ten un prezo de 49,99 dólares e comezará a chegar aos seus compradores o 11 de outubro.
Pensando precisamente na última función comentado do Echo Dot, ou sexa, o poder converter outro altofalante nun dispositivo conectado, chega o Echo Input, que sería unha especie de Echo Dot sen altofalante, ou sexa, un disco que simplemente integra micrófonos para a captación de ordes verbais, que pode conectarse por cable ou Bluetooth aos nosos altofalantes favoritos e que sairá á venda antes do remate do ano a 34,99 dólares.
Outro produto rechamante sería o Echo Sub, un subwoofer que pode ligarse a un par de altofalantes Echo, e incluso pode adquirirse con eles de xeito conxunto, para conseguir unha grande experiencia sonora que inunde toda unha habitación da casa con son 2.1 sen fíos.
Amazon tamén ten previsto lanzar unha serie de produtos (Echo Link, Echo Link Amp, Echo Wall Clock e Ring Stick Up Cam Battery) que incrementarían as posibilidades de control e goce do fogar musical que parece perseguir a compañía de Jeff Bezos, pero que polo momento non poden comercializarse por non ter conseguido aínda a autorización da FCC.
Os produtos que tamén estrean nova xeración son o Echo Plus, que coa súa renovación conserva as súas posibilidades de concentrador de domótica, pero incorpora a posibilidade de manter o control por voz de xeito local, ou sexa, que no caso de que se cortase o acceso á Internet o sistema continuaría a funcionar; e o Echo Show, que agora conta cunha pantalla de maior tamaño (10 polgadas).
Un produto que tamén resulta interesante é o Amazon Smart Plug, ou sexa, un enchufe conectado, de xeito que poderemos controlar a entrega de corrente a algún electrodoméstico básico, para así poder empregalo a distancia ou programar o seu acendido e apagado. Este accesorio véndese por 24,99 dólares e chegará ao mercado o 11 de outubro.
Amazon tamén aproveitou para presentar un novo reprodutor multimedia, o Fire TV Recast, que sorprende por contar con funcións de gravación de vídeo, de xeito que pode empregarse para gravar até 75 horas de vídeo de 2 canles á vez ou até 150 horas de vídeo de até 4 canles á vez (en función do modelo), coa grande vantaxe de que estes contidos gravados non quedan ligados ao trebello, senón que quedan accesibles a través da rede, ou sexa, que as gravacións poden verse varios televisores, smartphones e tabletas.
Aínda que o produto máis rechamante de todos foi, sen dúbida, o AmazonBasics Microwave, un forno microondas que custará 59,99 dólares e que pode programarse mediante a voz, o que pode considerarse como un dos usos máis innecesarios de Alexa, aínda que o feito de poder controlar o forno remotamente pode ter o seu aquel.

PUBLICIDADE