Amazon pecha un acordo para mercar a Metro Goldwyn Mayer

mércores, 26 de maio do 2021 Marcus Fernández

O panorama audiovisual global segue a transformarse por mor da súa dixitalización e por efectos da pandemia, e deste contexto tan peculiar chegan novas como o acordo de adquisición da Metro Goldwyn Mayer (MGM) por parte de Amazon por 8.450 millóns de dólares.
Deste xeito os Amazon Studios fanse con preto dun século da historia do cine, facéndose así cun catálogo de máis de 4.000 filmes entre os que figuran películas moi significativas que dan lugar a grandes franquías (James Bond, Robocop, A Panteira Rosa, Tomb Raider, Os Sete Magníficos...), e aos que habería que sumar 17 mil episodios de series de televisión (Fargo, Viquingos, El Cuento de la Criada...), o que pode supor un salto de xigante para o servizo Prime Video.
O obxectivo de Amazon enténdese que é o mercado televisivo, pero manterá a herdanza cinematográfica, estando xa previstos lanzamentos en grande pantalla como House of Gucci, No Time to Die, Respect, The Addams Family 2 e un filme de Paul Thomas Anderson do que aínda non se coñece o título.
A compra de MGM por parte de Amazon queda á espera da aprobación dos organismos reguladores e doutras condicións que deberán satisfacerse para completar a operación nos vindeiros meses.

Clásicos fóra do acordo

JPEG - 153.4 KB
Foise co vento é un dos filmes producidos pola Metro Goldwyn Mayer que quedan fóra do acordo con Amazon

Tras o anuncio de Amazon desvelouse que quedaban fóra do acordo de compra do catálogo de MGM grandes clásicos como Foise co Vento, O Mago de Oz ou Bailando Baixo a Chuvia, xa que esas e outras películas anteriores a 1986 son actualmente propiedade de WarnerMedia a raíz dun acordo no ano mencionado que serviu de base para a creación da canle Turner Classic Movies (TCM).
Quedaban fóra do acordo de Turner as producións de United Artists, de aí que Amazon poida así facerse cos dereitos dos filmes de James Bond e Rocky, así como doutras grandes obras como Apocalypse Now, Touro Salvaxe e Alguén Voou Sobre o Niño do Cuco.

PUBLICIDADE