Amazon merca iRobot
venres, 5 de agosto do 2022
Amazon
anunciou hoxe o peche dun acordo para a adquisición de iRobot, compañía
creadora dos célebres robots aspiradora da serie Roomba, nacida en 2002, e que
conseguiu converterse no grande referente desta categoría de produtos de
electrónica de consumo.
Amazon mercará iRobot por 61 dólares por acción nunha operación en efectivo valorada
aproximadamente en 1.700 millóns de dólares, incluíndo a débeda neta de iRobot,
empresa que non estaba a pasar un dos seus mellores momentos, xa que rexistrara
perdas no seu último trimestre, o que parece inevitable ante o incremento
da competencia no seu sector nos últimos anos.
Haberá que ver que intencións ten Amazon con esta operación, pois tanto pode
limitarse a comercializar mellor os produtos da marca ou realizar unha aposta
seria pola robótica para o fogar.