Amazon mellora a pantalla do Kindle Paperwhite

martes, 3 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Amazon anunciou hoxe que o seu popular lector de libros electrónicos, o Kindle Paperwhite, vai mellorarse en breve, incorporando unha pantalla aínda mellor, cun maior contraste, unha luz integrada de nova xeración e un procesador máis rápido, conseguindo que o dispositivo estrela de Amazon conte cunha mellor experiencia de uso, que xa no modelo actual superaba á meirande parte dos eReaders que podemos ver no mercado.
A pantalla do novo Kindle Paperwhite é a máis avanzada de calquera eReader, cun nivel de contraste que consegue uns brancos máis brancos e uns negros máis negros, o que xunto coa súa definición fai que sexa practicamente imposible distinguir unha páxina dun libro físico a unha páxina lida nun Kindle; as guías de luz integradas buscan iluminar a pantalla do lector sen enviar a luz directamente aos ollos do lector (reducindo a fatiga visual); o procesador integrado é un 25% máis rápido que o anterior; a tecnoloxía táctil integrada na pantalla é un 19% máis precisa; integra unha nova tecnoloxía que permite ollar outras páxinas do libro sen perder o punto de lectura actual; integra a plataforma social Goodreads que axuda a saber o que len os nosos amigos e integra unha importante compoñente social á hora de decidir as nosas lecturas; incorpora un sistema de control paterno; constrúe unha listaxe coas palabras que consultamos no dicionario para axilizar a súa consulta; aparte de mirar no dicionario unha palabra tamén permite consultar a Wikipedia sobre termos que consideremos de interese; permite consultar as notas ao pé de páxina sen abandonar o punto de lectura e tamén permite adquirir a versión electrónica dun libro que mercásemos en Amazon en soporte físico obtendo un prezo reducido (de 2,99 dólares ou menos).
En Amazon.com permite reservar o novo lector de libros electrónicos de Amazon cunha data de envío estimada no 30 de setembro, mentres que en Amazon.es ofrecen o novo Kindle Paperwhite por 129 euros (enviándose a partir do 9 de outubro) e o Kindle Paperwhite 3G por 189 euros (polo que haberá que agardar ata o 12 de novembro).

O Kindle Paperwhite mellora a pantalla conservando todas as súas virtudes

PUBLICIDADE