Amazon inicia a venda do Fire TV Stick en España

martes, 7 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O servizo Amazon Prime Video chegou a España bastante coxo hai preto dun ano, xa que ao non ser compatible con Chromecast limitábase inicialmente a dispositivos móbiles, tabletas e ordenadores persoais, aínda que ultimamente a cousa mellorou, xa que chegou a numerosos Smart TV e a consolas de videoxogos PS4 e Xbox One, completándose hoxe mesmo o seu achegamento aos fogares grazas á posta á venda en máis dun cento de países do Fire TV Stick Basic, un dispositivo con Android de Amazon que pode conectarse a un televisor por HDMI e que permítelle acceder a aplicacións optimizadas para televisores e aos contidos audiovisuais distribuídos por Amazon.
Até o momento o Fire TV Stick só estaba dispoñible en dous países a este lado do Atlántico (Reino Unido e Alemaña), pero agora non só está dispoñible en máis mercados, senón que tamén a súa interface pode configurarse en español, portugués do brasil, francés, italiano, alemán e inglés.
Amazon comercializa noutros mercados outros produtos Fire TV máis potentes, capaces incluso de reproducir contidos en 4K, de aí que precisamente este produto leve o alcume de Basic, o que dá a entender que estamos ante un dispositivo limitado, con só 1 GB de memoria RAM, aínda que potencia dabondo para reproducir vídeo Full HD en streaming con codificadores de alta eficiencia (HEVC) e con conectividade Wi-Fi AC, de xeito que as series e películas de Amazon Prime Video poden verse de xeito fluído, podendo aproveitarse tamén o trebello para correr as Netflix, YouTube e numerosas aplicacións (entre as que non faltan algúns xogos). Este produto resulta especialmente atractivo fronte a un Chromecast polo feito de contar cun mando a distancia, o que fai cómodo o control multimedia, facendo áxil a pausa de contidos e axustándose mellor a un uso familiar.
O Fire TV Stick véndese a un prezo de 59,99 euros, aínda que os subscritores de Amazon Prime poderán facerse con el por só 39,99 euros, o que supón un prezo bastante axustado, que ten como principal atractivo que achega series como The Grand Tour, American Gods e The Man in the High Castle aos subscritores de Amazon Prime sen custo adicional, ou sexa, unha oferta audiovisual bastante atractiva que, aínda que non é moi variada, conta con contidos exclusivos que por si mesmos xustifican a compra dun accesorio para gozar deles no caso de que non teñamos outro trebello para tal fin.
Dado que os clientes de Amazon Prime tamén poden gardar as súas fotografías e vídeos en Amazon Drive, o Fire TV Stick tamén é un xeito atractivo para visualizar eses contidos no televisor do salón.

PUBLICIDADE