Amazon.es dá a coñecer o talento artesán das distintas rutas do Camiño de Santiago

martes, 25 de maio do 2021 S. P.

Amazon.es presenta este 25 de maio unha iniciativa para mostrar o traballo de diferentes artesáns españois situados en distintos percorridos do Camiño de Santiago. Chámase The Handmade Tour: O Camiño e concíbese como unha viaxe cara a Compostela da man de sete creadoras e creadores que viven en tres dos itinerarios máis sobranceiros: o Camiño Francés, o Camiño do Norte e a Vía da Prata. Inclúense paradas en Sevilla, Salamanca, A Rioxa, Palencia, Asturias, Cantabria e, por suposto, Galicia.
The Handmade Tour: O Camiño é unha iniciativa orixinal de Amazon e Amazon Handmade que pretende “dar visibilidade aos produtos locais e á paixón das pequenas empresas que os crean”. Desde este martes 25 toda a comunidade internauta pode gozar en Amazon.es dos ditos contidos e coñecer máis de preto a algúns destes 2.000 artesáns españois que venden os seus produtos en Amazon Handmade.
En palabras de Amazon, trátase de “tres rutas con sete paradas que representan a variada riqueza da artesanía nacional”.
Así, no Camiño Francés atópanse Artesanía Villarramiel (Villarramiel, Palencia), dedicado á marroquinería con coiro da terra, e ElyEli (Arnedo, A Rioxa), que crea bolsos de pel feitos a man. Mentres, no Camiño do Norte, sitúanse a papelería artesanal de Artpapel (Ganzo, Cantabria) e os xoguetes educativos feitos en madeira de Tuquinos (Xixón). Na ruta máis longa, o Camiño da Vía da Prata, localízanse as creacións de cerámica e a azulexos do século XVI de Tierra de Sevilla (Sevilla), e a cosmética natural de Sarabell Nature (Salamanca). Finalmente, no punto no que conflúen todos os camiños, Galicia, Pau Decò Natural Design (Lugo), ofrece pezas decorativas cun compoñente de sustentabilidade.

PUBLICIDADE