Amazon celebra o Día de Galicia poñendo nome aos negocios da nosa terra que apostan polo ecommerce

venres, 23 de xullo do 2021 S. P.

A multinacional tecnolóxica Amazon vén de sumarse ás celebracións do Día de Galicia, este 25 de xullo, e faino cunha campaña para dar e coñecer o talento dos nosos pequenos negocios e creadores: a iniciativa Galicia a un clic, enmarcada en España a un clic. O obxectivo é poñer nome aos establecementos, pemes e obradoiros (máis de 500 do total de 12.000 pemes españolas con presenza activa en Amazon) que levan o mellor da nosa terra a clientes de toda España e do mundo, a través da dita plataforma de comercio electrónico. “É o noso xeito de recoñecer a contribución destas pequenas e medianas empresas ao desenvolvemento económico e á difusión da cultura e a tradición galegas”, explica a empresa nun comunicado.

A tenda de artesanía luguesa Pau Decó é unha das destacadas por Amazon

Este ano, ademais, coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, Amazon puxo en marcha a iniciativa The Handmade Tour: O Camiño, destinada impulsar o recoñecemento dos pequenos artesáns repartidos polos diferentes camiños que levan a Santiago de Compostela e que venden os seus produtos a través de Amazon Handmade,
Volvendo a Galicia a un clic, o obxectivo de poñer nome e faciana aos creadores e pemes locais que apostan por Amazon materialízase en pequenas pílulas de información, como por exemplo a referida a Patatas Fritas Guays, empresa que naceu para aproveitar o excedente de pataca dunha explotación familiar da comarca da Limia (Ourense), e desde marzo de 2020 vende en Amazon para facer fronte á situación provocada pola crise sanitaria. “En pouco máis dun ano, pasou de vender en España a exportar o 5% das súas vendas”, confirma Adrián Castillo, xefe de compras da compañía.
Outras empresas (inseridas nunha longa listaxe de iniciativas de mercado) que atopan impulso na campaña son Ourense Kavak Cosmetics (negocio especializado na venda de produtos de cosmética e barbaría profesional que vende a través de Amazon desde 2019 e desde entón duplicou o seu persoal), Gaitas Eduardo Represas (empresa familiar que leva 100 anos fabricando e vendendo gaitas e artigos relacionados desde o municipio de Ponteareas e que en 2020 realizou o groso das súas vendas a través de Amazon) ou Sangría Republic (que vende sangría natural en lata a través da dita plataforma de comercio electrónico, e que ten importantes exportacións a Estados Unidos, Reino Unido e Indonesia).
No comunicado, Amazon certifica a súa aposta polas empresas da nosa terra e lembra, neste sentido, a apertura da súa estación loxística do Porriño en xullo de 2019, da que fai o seguinte balance: “A día de hoxe xa se superaron as previsións de creación de postos de traballo, así como o número de empresas locais de reparto coas que colabora a compañía actualmente, e que se encargan de entregar pedidos de Amazon de forma diaria aos clientes en distintas zonas de Vigo, Santiago e Ourense”. Con máis de 4.000 metros cadrados, este centro emprega na actualidade a máis de 60 persoas e xerou oportunidades laborais indirectas para máis de 190 condutores, que son contratados polas 4 empresas de repartición que colaboran con Amazon en Galicia, explica a compañía.

PUBLICIDADE