Amazon anuncia a compra de Eero

martes, 12 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Hai catro anos chegaba ao mercado estadounidense Eero, compañía que propoñía como solución para a conectividade domésticas sen fíos un conxunto de trebellos que esparexidos polo fogar tecían unha rede de maia para conseguir unha boa conexión en calquera recuncho, cun funcionamento moi superior ao do uso de repetidores tradicionais. Co paso do tempo estas redes Wi-Fi mesh foron gañando popularidade e, aínda que continúan a ter uns prezos bastante elevados, son a opción preferida por moitos para poder gozar de boa conectividade no fogar, de aí que poidamos ver como un paso bastante natural que Amazon anunciase que chegaron a un acordo para facerse con Eero.
Dado que Amazon está a apostar cada vez máis polos produtos domóticos (especialmente pola súa liña Echo) resultaralles moi práctico contar cun produto de seu que poida garantir unha conexión doméstica de calidade, de xeito que non haxa zonas de sombra e tras unha sinxela instalación poida gozarse dun acceso á Rede estable, que permita gozar do streaming e moitos outros servizos en todos os cuartos do fogar, facilitando de paso poder tirar proveito das cada vez máis potentes conexións que temos á Internet, que en moitos casos están infrautilizadas por mor de que os dispositivos móbiles comunícanse a través de redes Wi-Fi pouco eficientes.
Descoñécese o que fará Amazon tras completar a compra de Eero, pero o máis probable é que pase a comercializar solucións Wi-Fi mesh baixo a súa marca, e incluso poida chegar a lanzar algún produto híbrido (por exemplo, altofalantes Echo que sexan tamén satélites dunha rede de malla).

PUBLICIDADE