Alumnos do mestrado de videoxogos de EBF Coruña chegan ás semifinais dos Premios PlayStation

luns, 23 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A VI Edición dos Premios PlayStation xa ten 20 semifinalistas que optarán ao premio de mellor xogo de 2019, co que conseguirán 10.000 euros para financiar o proxecto, acceso a kits de desenvolvemento de PlayStation 4, á publicación do xogo nese sistema, a un espazo físico nunha das sedes de PlayStation Talents Games Camp para o seu desenvolvemento e unha campaña de promoción nas canles de PlayStation valorada en 200.000 euros, destacando o feito de que un dos títulos que poderán optar a pasar á final é Light Revenge, videoxogo de Factor Games, equipo saído das aulas do Máster en Creación de Videoxogos EBF Coruña.
Durante a celebración da Madrid Games Week, entre os días 3 e 6 de outubro, poderanse probar os xogos semifinalistas, e unha votación entre personalidades do mundo dos videoxogos (desenvolvedores, artistas, músicos, xornalistas...) decidirá que traballos chegarán até a gala final que celebrarase en novembro.
O mestrado coruñés do que saíu Light Revenge ten un enfoque moi práctico, de xeito que os alumnos xa se agrupan como un estudio independente dende o primeiro día de clase, e o seu obxectivo durante a formación é crear unha demostración dun xogo con futuro, que no caso de Factor Games confirmou a súa calidade ao ser un dos mellores 20 proxectos que aspiran aos Premios PlayStation.
Actualmente EBF está a pechar unha nova convocatorio para o ano 2019-2020, para a que quedan unicamente 7 prazas dispoñibles, que confían que cubran pronto persoas aspiren a conseguir un logro como o dos alumnos da primeira promoción do mestrado.

Teaser de Light Revenge

PUBLICIDADE