Alumnado do Centro de Audiovisuais lucense, premiado nun concurso de curtas de Netflix e Turespaña

mércores, 29 de xuño do 2022 S. P.

Un grupo de alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo vén de gañar un dos cinco premios do I Concurso Cómo dirías que es España sin decirlo, convocado pola plataforma de contidos Netflix e o organismo estatal Turespaña. O proxecto, titulado Amor viajero. Un viaje para el recuerdo foi premiado con 7.000€, que deberán destinase a producir, filmar e postproducir a curta antes de que remate este ano 2022.
Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño presentaron o pasado 14 de xuño a súa idea a responsábeis de Netflix e Turespaña nun pitch no que contaxiaron o seu entusiasmo e prepararon deste xeito o posterior recoñecemento, xunto con centros de Langreo, Zaragoza, L’Hospitalet e Granada.
Segundo informa a Deputación lucense, ao longo do curso os estudantes compatibilizaron as súas obrigas académicas coa elaboración dun proxecto que se adaptase ás bases do concurso organizado por Netflix e Turespaña, unha proposta que “debía plasmar a esencia de España, das súas xentes, paisaxes, tradicións ou gastronomía, amosando formas de vida sustentábeis que coiden o medio ambiente, a economía e o patrimonio socio-cultural”. Os alumnos, supervisados polo seu titor, Hugo Fernández, escribiron unha historia na que, ademais do aspecto turístico, abordaron outros asuntos, como o alzhéimer e a visibilidade LGTBI.
Amor viajero conta a historia de Eugenia, unha anciá que comeza a ter problemas de memoria. Cando a súa neta atopa unas vellas fotografías da súa mocidade parece recuperar a lucidez. Como terapia, a rapaza decide percorrer os destinos das fotografías replicándoas para estimular os recordos da súa avoa, entre os que xurde un amor de xuventude.

PUBLICIDADE