Altofalante portátil sen fíos exclusivo para os Lumia de Nokia
xoves, 30 de agosto do 2012
Froito dun
convenio de colaboración que Nokia asinou co provedor mundial de sistemas de
audio Harman para desenvolver dispositivos específicos para os seus smartphones
Lumia, vén de presentarse na feira de electrónica de consumo IFA de Berlín, o
altofalante portátil sen fíos JBL PlayUp, exclusivo, segundo afirman, “para os amantes da música que saben valorar
unha excelente calidade de audio e cun son cristalino”.
Alén de
excesivas loanzas, o certo é que a calidade do dispositivo vén avalada por
incorporar unha saída deseñada especialmente para os sons graves, que actúa
como altofalante de baixas frecuencias, garantindo un bo son dos graves cunha
mínima turbulencia do aire audible.
O JBL Play Up
ten unha potencia máxima de 89 dB, polo que resulta axeitado para o seu uso en
exteriores ou en calquera recinto de interior.
O dispositivo,
que está dispoñible en azul, branco ou negro, conéctase por Bluetooth a
calquera smartphone Lumia, e leva a maiores unha entrada de audio estándar para
auriculares de 3,5 mm que permite acoplalo a calquera móbil, ordenador ou
reprodutor MP3.
Este altofalante
portátil conta con capacidade para máis de 10 horas de música continua cunha
sola recarga e incorpora unha batería removible oculta na súa base.
O trebello
comezará a distribuírse antes de finais de ano a un prezo inicial de 149 euros.