Altia lanza unha plataforma colaborativa para mellorar drasticamente a xestión do sector loxístico
martes, 26 de febreiro do 2019
Altia,
compañía tecnolóxico-dixital galega, vén de lanzar unha solución
innovadora, revolucionaria e colaborativa para acelerar a
transformación dixital do sector loxístico. Estamos
a falar de Altia Control Tower, unha rede de participación que
integra nunha única plataforma, a xeito de comunidade de traballo, a
todos os axentes involucrados na cadea. Entre os seus principais
cometidos figura o de permitir, de maneira clara, sinxela e eficaz, a
xestión de todos os transportes dunha empresa a través dunha única
ferramenta. Unha das claves fundamentais de Altia Control Tower está
no binomio formado por intelixencia e rapidez.
Ao
devandito cómpre engadir os factores eficiencia, rendibilidade e
aforro. En termos concretos, pon en xogo reducións de até o 75% en
custos de expedición e do 90% en stock circulante, así como
melloras substanciais en materia de servizos (con incrementos de até
o 100% en materia de entregas puntuais).
“A
solución”, explican dende Altia, “xunta nunha única plataforma
todos os axentes involucrados na cadea dunha empresa determinada,
tanto internos como externos (xestores de tráfico, almacéns,
transportistas, condutores, persoal de seguridade, etc.), e todo co
obxectivo de que acaden visibilidade en tempo real de toda a cadea
loxística e os transportes implicados”.
Segundo
engade a empresa galega, unha das grandes vantaxes de “unificar e
homoxeneizar” o sistema de control nun punto central é a
posibilidade real de mellorar de maneira drástica a xestión
administrativa dos axentes, ao que cómpre sumar o factor de
predición: con Altia Control Tower as compañías son quen de
anticiparse ás incidencias nos transportes, aproveitar os tempos
mortos nos almacéns e mellorar a rendibilidade do servizo.
“Altia
Control Tower axuda ás compañías que queiran adaptarse ás
esixencias dun mercado tremendamente competitivo e globalizado a
través dunha única rede na que colaboran os diferentes axentes”,
salienta Iago Rodriguez, responsábel da unidade Altia Logistic
Software, que engade que “as grandes empresas dos sectores de
distribución alimentaria, de consumo, motor, materiais de
construción ou farmacéuticas que contan cun gran volume de
mercadorías, precisan contar cunha rede loxística colaborativa coas
máis amplas capacidades de integración, adaptación e evolución”.