Altia fornece de infraestrutura SAP HANA a Hijos de Rivera

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Redacción

A empresa galega Altia vén de proporcionar a Hijos de Rivera (Estrella Galicia) a infraestrutura en memoria SAP HANA. Co este fornecemento da consultora tecnolóxica iníciase na corporación cervexeira un proxecto de complexa transformación que, en palabras de Altia, “require non só coñecemento tecnolóxico senón tamén de negocio e de xestión de cambio”. A elección de Altia para desenvolver e dirixir este labor ten que ver directamente, “coa experiencia da compañía TIC en proxectos de servizos xestionados de administración SAP e a certificación SAP Hosting Partner”. Como lembraremos, SAP é o nome dunha multinacional xermana adicada a produtos informáticos avanzados de xestión empresarial. A certificación SAP Hosting Partner, pola súa banda, constitúe o recoñecemento a Altia, por parte da firma alemá, da súa capacidade para ofrecer soporte e xestión de aplicacións SAP.
No marco deste proxecto, Altia proporciona a Hijos de Rivera unha plataforma certificada para SAP HANA baseada nos equipos Tailored Data Center Integration (TDI) de Hewlett Packard Enterprise, en alta dispoñibilidade, replicada en dúas localizacións xeográficas distintas que actúan como centro de procesamento de datos principal e secundario. Amais, a empresa TIC subministra os servizos de copia de seguridade xestionada (backup), xestión da réplica e alta dispoñibilidade, soporte e administración SAP Basis, seguimento e administración de sistemas operativos e soporte 24x7x365. A idea, sinala Altia, é “permitir que o equipo de novas tecnoloxías de Hijos de Rivera poida dedicarse á implantación do proxecto e acompañar á organización nesta iniciativa de transformación da compañía”.

PUBLICIDADE