Altia e Netex farán avanzar a dixitalización docente en Canarias

martes, 26 de marzo do 2019 Redacción

As empresas galegas Altia e Netex (a primeira centrada en servizos avanzados de consultoría informática e solucións TIC, e a segunda en aplicacións e servizos para a creación de material didáctico intelixente) van impulsar a dixitalización do sector educativo de Canarias. E vano facer creando contidos nunha Contorna Virtual de Aprendizaxe (EVA) para o profesorado e os alumnos de primaria e secundaria da devandita Comunidade. O proxecto foi adxudicado á alianza das dúas empresas galega, ambas con sedes principais en Oleiros, pola Consellería de Educación e Universidades do Goberno de Canarias.
Un dos obxectivos fundamentais é dotar á comunidade educativa de ferramentas e recursos dixitais que potencien a innovación nos centros e que favorezan a simplificación do traballo docente do profesorado.
Entre os servizos quen van poñer en xogo Altia e Netex inclúese a implantación de ferramentas de aprendizaxe e de traballo que integren a todos os axentes da comunidade educativa, o desenvolvemento dunha plataforma de xestión de recursos educativos, a creación dun kit persoal de aprendizaxe e a aplicación de recursos que aseguren a autoría das producións dixitais elaboradas polo alumnado e o profesorado. Ademais, o proxecto contempla o desenvolvemento de novas aplicacións e ferramentas educativas, así como a posta en marcha de melloras nas existentes.
“Desde Altia queremos impulsar o desenvolvemento dixital na contorna educativa, ofrecendo, neste caso, solucións intelixentes tanto aos profesores como aos alumnos de Canarias”, salientou Tino Fernández, presidente de Altia, engadindo que “o proxecto responde á nosa obsesión por desenvolver iniciativas que faciliten á cidadanía as capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito dixital”.
Dende a Consellería de Educación e Universidades do Goberno de Canarias destacouse a importancia do proxecto: “A dispoñibilidade de contidos dixitais educativos facilitará, por unha banda, o tránsito do analóxico ao dixital e, pola outra, o tránsito dunha educación lineal marcada polo libro de texto e, baseada na memorización de contidos para a súa posterior reprodución, a outros modelos de ensino máis innovadores”.

PUBLICIDADE